Moaña, un mar de mulleres

O papel das mulleres nas comunidades costeiras

As mulleres cumpriron tradicionalmente un papel fundamental no desenvolvemento das comunidades costeiras, e foron as que desenvolveron determinados oficios do sector pesqueiro como o marisqueo a pé ou a confección e reparación de redes, entre outros. A pesar disto, estas mulleres non foron protagonistas na súa época, senón que desenvolveron a súa actividade dende o anonimato nun mundo maioritariamente rexido e gobernado polo home.

Miniserie documental

O proxecto consiste na realización completa dunha mini-serie documental de 5 capítulos cada un deles centrado na memoria e lembranzas dunha muller de idade que conserve facultades e memoria e poida dar testemuño da realidade que se viviu naquela época. Así mesmo buscarase a participación en cada peza dunha muller nova que traballe na actualidade nunha actividade do sector similar á da muller protagonista, co obxectivo de contrastar e poñer en común as diferentes experiencias e vivencias destas mulleres.

Carácter innovador

A realización de pezas audiovisuais optimizadas para a súa difusión e uso en redes e plataformas en liña, unido a un deseño e estilo fresco, que permita achegar a memoria e experiencia destas mulleres ás xeracións seguintes, aproveitando a ternura que supón a identificación que calquera persoa pode xerar coas súas nais e avoas, é un formato moi diferente da oferta actual de vídeos e pezas audiovisuais relacionadas no ámbito social e mesmo no patrimonio. Esta proposta innova tamén na súa colaboración coas asociación da zona, que terán un papel moi salientable na localización e selección das mulleres protagonistas, e ademáis involucraranse activamente na fase de difusión dos resultados obtidos e na distribución das curtametraxes, así como na celebración de eventos de proxección.